O grupo de investigación ECRIM (Criminoloxía, Psicoloxía xurídica e Xustiza penal no século XXI) ten a súa sede na Universidade da Coruña (UDC, A Coruña, España, UE), en concreto nas Facultades de Dereito e Ciencias da Educación.
Se ben inicialmente estaba formado polos membros do equipo de Dereito penal da UDC, a partir de 2013 experimentou unha importante ampliación, formando un novo grupo con persoal das áreas de Dereito procesual, romano e financeiro e tributario, e Psicoloxía xurídica da mesma universidade. No momento presente a coordinadora do grupo é Patricia Faraldo Cabana.
O ECRIM está formado por uns 30 membros, cunha media de idade en torno aos 40 anos, e cunha composición relativamente equilibrada en canto a xénero. Aínda que o grupo está formado sobre todo por persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, varios membros pertencen a outras universidades españolas (Universidade de Cádiz, Universidade das Illas Baleares). Xunto a iso, algúns dos membros desenvolven a súa principal actividade no eido das profesións xurídicas, como xuíces, fiscais, avogados e asesores gobernativos, tanto en España como no estranxeiro (Unión Europea, Arxentina). A ampla maioría de membros do ECRIM son doutores, sexa en Dereito ou en Psicoloxía.
Liñas de Traballo
As liñas de traballo que desenvolve o ECRIM son moi variadas, sempre dentro do campo das ciencias penais e criminolóxicas. O grupo ten unha longa tradición de estudo do Dereito penal económico e da empresa. Non obstante, tamén desenvolve un intenso traballo nos eidos das relacións entre os procesos da globalización e o sistema penal, do Dereito penal internacional, da análise do Dereito e o sistema penais desde unha perspectiva de xénero, da multa e as alternativas á prisión e das reformas legais máis recentes en materia penal e financeira. Xunto a iso, diversos membros do grupo téñense ocupado do estudo das políticas penais e, máis en concreto, da relación entre migracións e sistema penal.
No eido máis propiamente xurídico-procesual, o traballo do ECRIM presta especial atención á evolución actual da xustiza penal e á cooperación xudicial civil e penal. Pola súa banda, o equipo de Psicoloxía xurídica desenvolve a súa investigación fundamentalmente no eido da psicoloxía forense e pericial, da psicoloxía carceraria, da protección do menor, e da relación entre violencia e medios de comunicación.
Todas estas cuestións abórdanse no traballo do grupo desde unha perspectiva cun importante compoñente político-criminal e criminolóxico, o que permite prestar atención á influencia que teñen nas materias penais as transformacións sociais, económicas, culturais ou políticas propias deste inicio de século XXI. Unha característica común adicional é a vocación de internacionalización do traballo do ECRIM, que se plasma na frecuente presenza en congresos europeos ou americanos e nas publicacións e participacións en proxectos no eido internacional.

Polo demais, á marxe do traballo máis propiamente teórico, o grupo ten realizado tarefas de índole práctica para diversas institucións públicas e privadas, e diversos membros do grupo colaboran de xeito cotián con medios de comunicación e entidades do terceiro sector, principalmente no eido galego.
En resumo, o ECRIM é un grupo dinámico e altamente cualificado, atento á comprensión do papel da penalidade nun mundo en permanente transformación.
Quen somos
O grupo de investigación ECRIM (Criminoloxía, Psicoloxía xurídica e Xustiza penal no século XXI) ten a súa sede na Universidade da Coruña (UDC, A Coruña, España, UE), en concreto nas Facultades de Dereito e Ciencias da Educación.
Se ben inicialmente estaba formado polos membros do equipo de Dereito penal da UDC, a partir de 2013 experimentou unha importante ampliación, formando un novo grupo con persoal das áreas de Dereito procesual, romano e financeiro e tributario, e Psicoloxía xurídica da mesma universidade. No momento presente a coordinadora do grupo é Patricia Faraldo Cabana.