O obxectivo fundamental deste título de máster é formar a estudantes e profesionais nos saberes avanzados da criminoloxía, co gallo de fomentar as súas capacidades para dar respostas, teóricas e prácticas, aos problemas da desviación e da criminalidade, das súas características e da súa prevención, así como ás cuestións relativas ás políticas públicas de control e goberno destes problemas sociais.

Desde unha perspectiva netamente epistémica, un obxectivo capital do máster é consolidar, no marco da Universidade da Coruña (UDC), pero tamén do sistema universitario galego, un campo de traballo en materia criminolóxica netamente interdisciplinario. A estes efectos, o presente máster aséntase sobre o elevado nivel de coñecementos en materia criminolóxica acumulado por parte de diversos investigadores e equipos de investigación da UDC encadrados nos eidos do dereito, a psicoloxía e a socioloxía, un certo números dos cales gozan dun significado recoñecemento internacional. En consecuencia, con este título a UDC logra solidificar a construción da criminoloxía como saber académico inherentemente interdisciplinario.

Tamén desde un punto de vista epistémico, un obxectivo deste máster é consolidar os saberes en criminoloxía desde un diálogo entre estudantes, formadores do campo académico e profesionais dos diferentes sectores da seguridade e do goberno da desviación. A criminoloxía é unha ciencia netamente pragmática, na que os coñecementos teóricos están orientados á solución de problemas de goberno da orde social. Xa que logo, no seu desenvolvemento xoga un papel capital a construción distribuida de saberes, mediante a implicación de operadores e profesionais nun diálogo formativo. Este máster ten como obxectivo ese tipo de elaboración de coñecementos, teóricos e prácticos.

Finalmente, o máster ten como obxectivo desenvolver coñecementos en materia criminolóxica adaptados á realidade concreta de Galicia. Moitos compoñentes do campo da penalidade e do control social teñen unha natureza propiamente estatal, ou mesmo internacional. Sen embargo, a criminalidade e a desviación, como fenómenos sociais que son, presentan variacións en función da composición social e do entorno dos grupos humanos de referencia. Carecer de títulos de criminoloxía en Galicia, en particular de posgrao, supón desatender as particularidades específicas desta comunidade humana en materia de desviación e criminalidade, así como as súas necesidades concretas en materia de control social e penalidade. Xa que logo, un obxectivo fundamental deste máster é encher o baleiro de coñecemento que supón a ausiencia de saberes situados no eido criminolóxico en Galicia.