During his stay at the Law Faculty of the University of A Coruña on March 2011, invited by the ECRIM research group, Bernard Harcourt, Chair of the Department of Political Science, Professor of Political Science and the Julius Kreeger Professor of Law at the University of Chicago (United States) was interviewed by the Communication Department of our University. The interview was published, in galician, at U+S, the Bulletin of the University of A Coruña: www.udc.es/comunicacion/_galeria_down/US/US_num_9.pdf

Bernard Harcourt
Catedrático de Ciencias Políticas da Universidade de Chicago.
Salvar un preso inocente do corredor da morte foi a experiencia máis incrible da miña vida
Por Carmina Escrigas

Bernard Harcourt estivo na Coruña para impartir unha conferencia na Facultade de Dereito. Gran defensor dos dereitos humanos, o seu labor investigador céntrase na teoría social e política, a socioloxía do castigo e o dereito penal e procesual. Como profesional da avogacía, a súa experiencia máis intensa foi a defensa de persoas condenadas a morte no estado de Alabama.
Non lle resulta frustrante, como defensor dos dereitos humanos, desenvolver o seu traballo nun dos países coas leis máis represivas do mundo?
Por unha banda si, mais pola outra podería dicirse que é o que motiva o meu traballo. A cantidade de persoas encarceradas
nos Estados Unidos é o que me fai seguir adiante. Malia que o incremento das taxas de encarceramento se adiou pola crise
económica, a cifra aínda é moi alta. O que eu intento é concienciar a sociedade de que non ten sentido gastar tantos recursos e capital humano en encarcerar xente.

Vostede enfocou as súas investigacións ao estudo da relación entre pobreza e crime. Que resultados obtivo?
En principio moita xente esperaba que durante a actual recesión o crime se incrementase, ora ben, non foi así. Non parece que a desaceleración económica teña que ver coa taxa de delincuencia. En segundo lugar salientaría que o meu traballo se centra en analizar a relación entre a distribución económica ou a desigualdade social e o crime, examinando a utilidade do noso modelo policial e o noso sistema punitivo. En definitiva, poderíase concluír que a relación entre delincuencia e pobreza é máis un problema social que económico.
Afirmou en numerosas ocasións que é máis partidario da política de prevención, sobre todo cando falamos da infancia e a adolescencia. Cre que se debería revisar a lexislación penal nestes casos?
Definitivamente si. Un dos meus traballos baseouse en entrevistas a adolescentes internados en reformatorios, que no meu
país son basicamente prisións para nenos, aínda que as chamen “escolas”. O que constatei é que nos últimos vinte anos
aumentaron as sancións que converten os mozos en adultos aos ollos da xustiza, ao se rebaixar a idade penal e envialos a
centros penais. Creo que é imprescindible darlle a volta a esa tendencia, intentar buscar fórmulas alternativas para tratar eses mozos. A adolescencia é un período moi complicado e o que debemos facer é axudar as persoas con contornas difíciles a
superalo, e non incrementar o dano, porque só conseguiremos que os actos delituosos e a resistencia á autoridade aumenten.

Na súa carreira distinguiuse pola súa loita contra a pena de morte. É difícil adoptar esta posición nun país cunha opinión pública tan polarizada como os Estados Unidos?
Creo que estamos a abordar un cambio lento, mais un cambio. O estado de Illinois acaba de abolir a pena de morte, seguindo o exemplo doutros como Novo México ou Nova Jersey. Penso que ao final, se esta tendencia continúa, cousa que agradecería, chegará un punto en que a Corte Suprema dos Estados Unidos acabará por abolila. Toquemos madeira.
Vostede foi avogado no corredor da morte. Como valora ese período da súa traxectoria profesional?
Sorprenderíase da baixa calidade media dos representantes legais do corredor da morte nos cárceres de lugares como Alabama, onde fun traballar, e por desgraza a calidade non mellorou. Como resultado diso, os condenados a morte adoitan ser aqueles que non poden permitirse un bo avogado. Teñen unha mala situación socioeconómica, están socialmente discriminados, adoitan ser afroamericanos acusados contra unha persoa branca ou persoas con problemas mentais. A pena de morte aplícaselles moito aos grupos máis vulnerables. Como experiencia vital, ese traballo debe ser emocionalmente moi intenso… A min marcoume moitísimo, porque ten bos momentos, de grande alegría, e momentos de profunda infelicidade. Eu fun moi afortunado ao poder representar un preso que era inocente. Fomos capaces de demostralo, sacalo do corredor da morte e finalmente da prisión. Isto ocorreu en 1994 e probablemente foi a experiencia máis incrible da miña vida. Acórdome de cando saímos camiñando pola porta da súa cela e pasamos polos grandes e pesados arcos de seguridade, ata chegar ao último control. Ao se abrir aquela porta, Walter, que así se chamaba, empezou a mover os seus brazos como un paxaro voando. Ir camiñando xunto a esa persoa e ver como recuperaba a liberdade foi realmente estarrecedor. Claro que, por desgraza, outros moitos quedaron no camiño. O máis frustrante nestes procesos é o tempo, porque fas un traballo inxente nun tempo récord e un xuíz pódecho esnaquizar nun minuto. En situacións así un sente que non hai esperanza.
Cre que, tal como está o sistema actualmente, é posible a reinserción social dos presos?
Nos Estados Unidos afastámonos de calquera tipo de rehabilitación, de calquera tipo de resocialización en prisión. É todo sorprendentemente simple: os presos están retidos na súa cela 23 horas e 15 minutos ao día, saen facer exercicio 5 horas por semana e teñen dereito a tres duchas e unha comida. A maior parte non recibe ningún tipo de tratamento, programa, educación ou socialización. Isto é unha absoluta traxedia, o que teriamos que facer é formar a xente para que teña algún tipo de vida funcional ou laboral despois da prisión. Dos 2,4 millóns de persoas que hai actualmente nos cárceres, aproximadamente son postas en liberdade cada ano unhas 700.000 persoas que non saben que facer coa súa vida. É un número enorme e constitúe un gran problema económico e político que debemos solucionar.
Cal é a súa opinión sobre o sistema xudicial español?
Só estiven como visitante, mais en principio estou asombrado de que o índice de encarceramento sexa tan alto en España. É
o máis alto da Europa occidental.