[GAL] O venres 18 de outubro o ECRIM organizou na Facultade de Dereito da Coruña o Seminario “Prostitución, trata e traballo sexual a debate na UDC.

O Seminario, presentado por José Antonio Ramos, abriuse cunha ponencia de Silvia Rodríguez López (ECRIM, Universidade da Coruña), titulada “A muller migrante nas políticas públicas contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Entre a axencia e a vulnerabilidade“.

Con posterioridade, Cristina Fernández Bessa (ECRIM, Universidade da Coruña) presentou a ponencia “Persecución e vulneración de dereitos das traballadoras sexuais que captan á súa clientela no espazo público. Perspectivas e demandas das implicadas“.

O Seminario foi a actividade inaugural da campaña Debates universitarios sobre trabajo sexual. #UniversidadSinCensura”, organizada por centros e equipos de investigación de 20 universidades españolas. A campaña xurde tras a cancelación dunhas xornadas sobre traballo sexual na Universidade da Coruña en setembro pasado, e ten como obxectivos abrir un espazo para o debate libre no eido académico sobre o traballo sexual desde posturas pro-dereitos e, en termos xerais, diferentes ás abolicionistas.