Durante o mes de xaneiro desenvolvéronse na Facultade de Socioloxía da Coruña as aulas da asignatura “Dereito das migracións“, que, coordinada polo ECRIM, está integrada no Máster Oficial en Migracións Internacionais da Universidade da Coruña, que coordina o ESOMI da Facultade de Socioloxía.

No marco desa asignatura, o ECRIM convidou a diversos ponentes, coa intención de enriquecer a perspectiva, tanto teórica como práctica, de plantexamento da materia.

Adama Sow

Adama Sow

En primeiro lugar, o 14 de xaneiro contouse coa intervención de Adama Sow, integrante da Asociación sen Papeis da Coruña. A intervención de Adama Sow centrouse na situación presente dos migrantes irregulares, tanto na Coruña como noutros lugares do Estado, con especial atención ás fronteiras interiores que impiden ou dificultan o acceso destas persoas a bens, servizos e dereitos básicos.

Miguel Fernández

Miguel Fernández

O día 19 de xaneiro a asignatura contou coa intervención de Miguel Fernández Blanco, portavoz do Foro Galego de Inmigración. Na súa ponencia, Miguel Fernández analisou a situación dos migrantes, tanto regulares como irregulares, en Galiza. En tanto que representante das ducias de asociacións de migrantes existentes na comunidade, Miguel Fernández salientou a pluralidade das persoas e dos grupos migrantes, así como os principais problemas que experimentan no momento presente para gozar plenamente dos seus dereitos.

Marco Aparicio

Marco Aparicio

Por último, o 20 de xaneiro produciuse a intervención de Marco Aparicio Wilhelmi, profesor de Dereito constitucional da Universitat de Girona. Na súa ponencia, Marco Aparicio presentou a interpretación que dos dereitos das persoas migrantes fai o Tribunal Constitucional, así como as eivas e inconsistencias deste plantexamento, que sustenta o esquema normativo que establece na materia a Lei de Estranxeiría. Asemade, Marco Aparicio analisou o papel que o Dereito cumpre na perpetuación da desigualdade e da exclusión das persoas migrantes.