December, 2012

Seminario hispano-luso “O sistema penal no contexto da crise”

Friday, December 7th, 2012

O día 30 de novembro o ECRIM organizou na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña un Seminario hispano-luso sobre O sistema penal no contexto da crise. A realización do seminario, que se encadra no desenvolvemento dos proxectos de investigación do ECRIM, discurriu ao longo de varias liñas de plantexamento.

Por unha banda, o seminario pretendeu facer un exercicio de pensamentosituadoen materia investigadora. En efecto, o traballo académico debe encadrarse nun marco de intervención na realidade e de resposta aos retos dun tempo e dun lugar. Por iso, a necesidade de que o traballo de análise sobre o sistema punitivo se concrete no exame dos seus retos no marco da crise económica. Por outra banda, o seminario pretendeu facer unha aproximación a esa problemática desde o diálogo cunha situación tan próxima, non só en termos xeográficos, como a portuguesa. Ese diálogo hispano-luso non só pretende contribuír unha desafortunada barreira de descoñecemento entre contextos tan próximos, senón, no marco temático abordado, pensar os retos do sistema penal español no contexto da crise desde as interesante solucións que ten adoptado o modelo punitivo portugués para conter a súa expansión. Polo demais, esa intención de pensamento ancorada en diferentes perspectivas complementouse tamén co participación dun investigador que mira esta materia desde unha disciplina netamente distinta ao Dereito, e con respostas diverxentes, como é a Psicoloxía social.

 

Miguel Clemente

Nestas coordenadas, o Seminario comezou cunha ponencia do Prof. Miguel Clemente Díaz, catedrático de Psicoloxía social da Universidade da Coruña, na que abordou os “Problemas da criminalidade no contexto da crise“.

 

Emilio Cortés Becchiarelli

Tras a incorporación dunha leitura psicolóxica á materia, o Seminario continuou coa intervención do Prof. Emilio Cortés Becchiarelli, profesor de Dereito penal da Universidade de Estremadura, que foi o encargado de analizar a evolución do sistema punitivo español no cadro da crise, con especial atención ás sancións non privativas de liberdade, pero tamén dialogando sobre a situación da criminalidade. A súa ponencia versou sobre “Problemas do sistema de penas no contexto da crise, con especial atención ás penas non privativas de liberdade“.

 

André Leite

Por último, o diálogo sobre os retos do presente coa situación portuguesa produciuse mediante a intervención do Prof. André Lamas Leite, profesor de Dereito penal da Universidade do Porto (Portugal), que realizou un percorrido pola evolución do sistema punitivo portugués dos últimos anos, expoñendo os mecanismos que permitiron frear o habitual proceso de expansionismo penal. O Prof. Leite foi o encargado de pechar o Seminario cunha ponencia sobre “Evolución do sistema penal no contexto da crise. Leccións da experiencia portuguesa“.